19.10.04

Radio 5 comeza a emitir en galego

RNE comezou onte a empregar o galego en 'Radio 5 Todo Noticias'
Pedro Piqueras afirma que a decisión se debe a un "deber moral'' e á "demanda do propio persoal da empresa''

maré\Santiago

Radio Nacional de España (RNE) amosou o seu "compromiso'' co galego e dende as 12.25 horas de onte as emisións de Radio 5 en Galicia serán na lingua propia desta comunidade.
O director de RNE Pedro Piqueras, acompañado da directora territorial da cadea en Galicia, Celia Díaz, anunciou onte no Club Internacional de Prensa de Santiago de Compostela que a totalidade da programación da emisora pública estatal en Galicia se emitirá en galego.
Piqueras afirmou que o emprego do galego nas emisións de RNE en Galicia é "un deber moral coa sociedade galega'' e detallou que responde "a unha demanda dos traballadores e traballadoras desta casa e así o establece tamén o Estatuto de Radio-Televisión Española'', engadiu.
Lembrou que RNE xa tiña emitido en galego hai xa 20 anos baixo a dirección de Manuel Lombao, e que agora retómase un labor que "nunca debeu interromperse''. Piqueras anunciou que está previsto que en próximas datas "as máximas estrelas'' da emisora acudan a Galicia para realizar desde esta Comunidade Autónoma os seus habituais programas da cadea estatal.
O uso do idioma non supón contraindicacións nos medios
A directora territorial de RNE en Galicia, Celia Díaz, asegurou que a lingua galega "está presente nos ámbitos máis diversos da sociedade, superando os terreos culturais que tradicionalmente a custodiaron e potenciaron''. Asemade, apuntou que "todos os estudos sociolingüísticos coinciden en constatar que non supón contraindicación o seu uso --o do galego-- nos medios, senón todo o contrario''.
Celia Díaz xustificou esta nova etapa en datos de estudos que apuntan que un 68 por cento dos galegos considera que a presenza do galego na radio é "adecuada'' e na tradición de RNE de compromiso coa cultura de Galicia e cos seus representantes. Díaz citou a un "colaborador ilustre'' de RNE, Alvaro Cunqueiro, ó expoñer dunha forma literaria pero nítida "Loubado sexa Deus por terme dado o don da nosa fala''.
Saúdo e novas reivindicacións
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, acolleu onte con satisfacción á nova anunciada onte en Santiago polo director de Radio Nacional de España, Pedro Piqueras, de que as emisoras da Comunidade emitirán a súa produción integramente en galego. "Dende a Mesa saudamos a iniciativa e esperamos que en Galicia tamén exista nun futuro unha radio que fale integramente en galego como é o caso de Radio Nacional 4 en Cataluña.''
(De Galicia Hoxe)
Máis información sobre este tema en:
http://www.amesanl.org/noticias/noticia_tipo.asp?IDNOTICIA=384
http://www.lavozdegalicia.es/se_cultura/noticia.jsp?CAT=106&TEXTO=3124272
Podes escoitar Radio 5 en directo en:
http://www.rtve.es/rne/index.htm

0 comentario(s):

Publicar un comentario

<< Home