22.10.04

TVE tamén emitirá en galego

As desconexións horarias de TVE serán sempre en galego
(europa press madrid)

A Comisión de Control Parlamentario de RTVE aprobou -coa soa abstención do PP- unha proposición non de lei relativa ao uso do galego nas emisións da RTVE, pola que oCongreso insta ao ente público a realizar as desconexións informativas de RNE para Galicia en lingua galega, recuperar unha emisora de RNE que emita en galego (coma Radio-4) e equiparar as desconexións horarias da TVE en Galicia coas realizadas en Cataluña, sempre na «lingua do propio país».
A iniciativa do deputado Francisco Rodríguez (BNG) recolle tamén a necesidade de aumentar ao financiamento en produción propia no centro territorial galego, utilizar a toponimia oficial de Galicia en todos os medios de comunicación do Estado e potenciar a presenza habitual de artistas que fan uso das diferentes linguas oficiais, incluído o galego.
Ensinar as linguas
Por outra parte, a comisión deu luz verde a unha proposición non de lei, co único voto en contra do PP, pola que insta ao ente público a que realice «os estudos oportunos para posibilitar a ensinanza das distintas linguas do Estado» na programación de TVE.
O deputado de ERC Joan Puig defendeu a proposta orixinal, que recollía a necesidade de «fomentar a incorporación da ensinanza das distintas linguas do Estado na programación de TVE», aínda que esta foi modificada polo PSOE, do que o seu voceiro, Óscar López, advertiu sobre «a ineficacia dos cursos de idiomas en televisión» e «os altos custos» da súa iniciativa.
(De La Voz de Galicia, 19/10/04)

0 comentario(s):

Publicar un comentario

<< Home