27.10.04

A voltas co topónimo da Coruña...

No capítulo 365 do serial sobre o topónimo da Coruña, que nós seguiremos chamando A Coruña para aternos á legalidade establecida nestes momentos, Paco Vázquez parece que quere aproveitar o novo articulado da Lei 57/2003 de medidas para a modernización do goberno local, máis coñecida como Lei das grandes cidades, para oficializar a cooficialidade do topónimo La Coruña xunto á forma galega, a pesar de que el mesmo leva negando a oficialidade da única forma oficial, que vén sendo a última delas. Como vedes, isto é un verdadeiro trabalinguas, así que imos ver que pasa por partes:


-dun lado, a nova lei permite que os plenos dos concellos de grandes cidades modifiquen a súa denominación co voto favorable da maioría absoluta dos seus integrantes (arts. 123 e 124), ou esa é a interpretación que da mencionada lei fan desde o goberno coruñés, que levará ao pleno do vindeiro 2 de novembro a proposta de acordo para a cooficialidade das dúas formas toponímicas.
-pero, por outra banda, a Mesa pola Normalización Lingüística recorda que non é de todo certa tal interpretación e que, tal e como recolle a Lei de Normalización Lingüística, a competencia sobre este tema recae na Xunta de Galicia, e a nesa mesma lei se recoñece aos topónimos en galego como únicas formas legais e oficiais.
-Xa houbo reaccións para todos os gustos, non pensedes, pero a mellor delas foi a da propia Xunta de Galicia, da que nun principio se dixo na prensa que daba vía libre a Paco Vázquez para modificar o topónimo e finalmente parece que non é certo de todo porque, e isto xa é para darlle de comer aparte, hai tres consellarías implicadas neste tema (Xustiza, Educación e Presidencia) pero quen realmente decide sobre o asunto é a Comisión de Toponimia, e pola composición desta Comisión (na súa maioría xente seria e respetable), é de esperar que non se acepte pola vía legal a cooficialidade de ambas as dúas formas. Non obstante, xa ata circula pola rede o texto da moción que presentara o grupo socialista no pleno do vindeiro 2-N...
Alguén entedeu algo? Pois que envíe un comentario explicándoo todo...
Mentres, seguiremos esperando incrédulos, pero impacientes, a chegada do novo capítulo do serial...

0 comentario(s):

Publicar un comentario

<< Home