16.12.04

Galeguiza o teu nome/apelido

Se che interesa galeguizar o teu nome e/ou apelido, a Mesa Pola Normalización Lingüística pon á nosa disposición no seu sitio web uns impresos modelo para solicitar os cambios pertinentes. Para facer estes cambios necesitarás remitir a instancia ao Rexistro Civil correspondente xuntando copia do DNI e certificación literal da partida de nacemento.
Pincha nas ligazóns para acceder ás instancias:
cambio de nome
cambio de apelido
Igualmente existe un modelo para solicitar o cambio no DNI, unha vez que se produza a galeguización de nome e apelido:
cambio no DNI
Na mesma páxina a Mesa nos ofrece un banco de 1410 nomes galegos de home e de muller e a sección a caixa dos apelidos, onde podes consultar o significado e correspondencia en galego do teu nome e apelidos. Para ver estas seccións, pincha nas correspondentes imaxes:



13.12.04

Cantarán os nenos o 'corenta e sete mil oitocentos vinte nove'?


Organización polo Multilingüismo presentou un prego de denuncias no Departamento de Comercio e Consumo da Generalitat catalá, en protesta porque a lotaría nacional, a quiniela, a primitiva, a bonoloto ou o euromillón non empregan o catalán nin nos billetes, nin na publicidade nin nas webs. En realidade, esa é a punta do iceberg dunha campaña emprendida por este colectivo para que todas as lotarías e apostas do estado empreguen o catalán, o galego e o vasco.
E pon datos enriba da mesa. Por exemplo, que o 42,15% dos ingresos do Organismo Nacional de Lotarías e Apostas do Estado proveñen de territorios catalanfalantes, galegofalantes e vascofalantes. Ou que o xogo dos 'Euromillones' é común a boa parte de Europa, onde recibe nomes nas distintas linguas sen que afecte a súa mercadotecnia (Euromillions, Euromillionen, Euromilhões...).
En concreto, dende Organización polo Multilingüismo queren que se faga nas catro linguas a publicidade dos sorteos e as webs, que os sorteos teñan o nome nos catro idiomas (ou que collan un nome que non pertenza a ningún idioma), que se faga neles tamén a rotulación e a denominación dos organismos e que nos propios sorteos se empreguen as catro linguas. E poñen como grande obxectivo o sorteo máis representativo, a lotaría do Nadal, que proporciona algo máis da cuarta parte de todos os ingresos da ONLAE, e que ten "unha gran capacidade pedagóxica para difundir a realidade plurilingüe española".
Neste sorteo, a cantidade arriscada polas comunidades onde o catalán, o galego e o vasco son linguas cooficiais chega ao 42,68% (Galiza a que menos, cun 5,36%). Por iso piden que durante o sorteo extraordinario de Nadal se empreguen o castelán, o catalán, o galego e o vasco en toda a sinaléctica, e que "como mínimo se canten os premios do primeiro ao quinto, incluídas as aproximacións", nas catro linguas.

(de Vieiros, 01/12/04)

2.12.04

Palabras que confundimos

(Artigo publicado n´O Cartafol Dixital nº 16 de outubro do 2004)
Tamén/Asemade. Cómpre que queden claras as diferencias de significado entre estes dous adverbios. Hai quen usa con frecuencia asemade no canto de tamén. Asemade equivale a "simultaneamente", "á vez", "a un tempo", polo cal non é sinónimo absoluto de "así mesmo" ou "tamén". Polo tanto debemos dicir:
"Non se debe conducir e mirar a paisaxe asemade" "Onte fun ao cine e tamén (dificilmente asemade) ao teatro".

Recorrer/Percorrer. Tamén é frecuente que se confundan os significados destes dous verbos.
Recorrer ten os significados de: a) Presentar un recurso contra unha resolución dunha autoridade: "Recorreu a sentencia do tribunal" b) Pedir axuda, información, valerse de...: "Como non tiña un peso, recorreu aos seus amigos"
Percorrer é o verbo que debemos utilizar para referirnos ao feito de cubrir unha distancia ou andar un camiño. Así: "Percorrín cen quilómetros en menos de unha hora"
O que recorre unha sentencia presenta un recurso, e o que percorre unha distancia fai un percorrido.

Abundar/Abondar. Cómpre, tamén, diferenciar o significado destes dous verbos.
Abundar ten o significado de "ter ou haber en abundancia": "En Santiago abundan as ofertas culturais".
Abondar debe utilizarse co significado de "ser suficiente, chegar, bastar": "Por hoxe xa abonda de traballo".

Abundante/abondoso/abondo/dabondo. Relacionados cos verbos anteriores están estes adxectivos e adverbios que adoito se confunden ao usalos.
Abundante é un adxectivo que indica unha gran cantidade da cousa que se expresa, fartura: "Daquela tiñamos abundantes colleitas".
Abondoso é un adxectivo referido tanto á fartura -e, neste senso é sinónimo de abundante: "Daquela tiñamos abondosas colleitas"-, como á capacidade de producir fartura: "As rías galegas son abondosas en peixes e mariscos".
Abondo é un adxectivo que presenta dous significados: ou ben que algo está de máis, que sobra: "Temos folgos abondos para chegarmos ao cumio", ou ben que abonda, que chega, que é suficiente: "Nunca é abonda a paciencia ao conducir".
Abondo -ou dabondo- tamén é un adverbio (logo, non varía a súa forma) que presenta este derradeiro significado: "Co que che dea teu pai, serache abondo/dabondo".

Deica/Ata. Debemos lembrar que deica significa “de aquí a”, “de agora a”; é dicir, deica precisa ter como referente un punto de partida. É, pois, unha preposición cun significado moito máis restrinxido có de ata, polo que non pode utilizarse en todos os casos como sinónimos. Así, é correcto dicir: "Vou deica Marín" (= Vou de aquí a Marín = ata Marín), "Deica mañá" (= De aquí a mañá = Ata mañá), pero non podemos dicir "Estiveron xuntos *deica as dez" (non equivale a "estiveron xuntos *de aquí ás dez"). O único correcto neste caso é "Estiveron xuntos ata as dez”.