13.12.04

Cantarán os nenos o 'corenta e sete mil oitocentos vinte nove'?


Organización polo Multilingüismo presentou un prego de denuncias no Departamento de Comercio e Consumo da Generalitat catalá, en protesta porque a lotaría nacional, a quiniela, a primitiva, a bonoloto ou o euromillón non empregan o catalán nin nos billetes, nin na publicidade nin nas webs. En realidade, esa é a punta do iceberg dunha campaña emprendida por este colectivo para que todas as lotarías e apostas do estado empreguen o catalán, o galego e o vasco.
E pon datos enriba da mesa. Por exemplo, que o 42,15% dos ingresos do Organismo Nacional de Lotarías e Apostas do Estado proveñen de territorios catalanfalantes, galegofalantes e vascofalantes. Ou que o xogo dos 'Euromillones' é común a boa parte de Europa, onde recibe nomes nas distintas linguas sen que afecte a súa mercadotecnia (Euromillions, Euromillionen, Euromilhões...).
En concreto, dende Organización polo Multilingüismo queren que se faga nas catro linguas a publicidade dos sorteos e as webs, que os sorteos teñan o nome nos catro idiomas (ou que collan un nome que non pertenza a ningún idioma), que se faga neles tamén a rotulación e a denominación dos organismos e que nos propios sorteos se empreguen as catro linguas. E poñen como grande obxectivo o sorteo máis representativo, a lotaría do Nadal, que proporciona algo máis da cuarta parte de todos os ingresos da ONLAE, e que ten "unha gran capacidade pedagóxica para difundir a realidade plurilingüe española".
Neste sorteo, a cantidade arriscada polas comunidades onde o catalán, o galego e o vasco son linguas cooficiais chega ao 42,68% (Galiza a que menos, cun 5,36%). Por iso piden que durante o sorteo extraordinario de Nadal se empreguen o castelán, o catalán, o galego e o vasco en toda a sinaléctica, e que "como mínimo se canten os premios do primeiro ao quinto, incluídas as aproximacións", nas catro linguas.

(de Vieiros, 01/12/04)

0 comentario(s):

Publicar un comentario

<< Home